As áreas de Cultura e Mocidade presentaron esta mañá unha iniciativa que mellora a oferta lúdica destinada á xuventude.
O 3 de setembro, ás 18:00 horas na Praza da Constitución, 8 freestylers galegos enfrontaranse en varias rondas de rimas e música.
A concelleira de Cultura, Alma Barrón, e a edil de Mocidade, Noelia Montero, presentaron esta mesma mañá no consistorio a I Batalla de Galos Concello de Ares, un evento que converterá a Praza da Constitución da vila nun escenario para a improvisación, o verso fiado e o rap. Será o 3 de setembro ás 18:00 horas e contará coa presenza de 8 freestylers galegos que loitarán por acadar o primeiro posto nuns enfrontamentos con formato competitivo: haberá cuartos, semifinais e finais.
Alma Barrón, concelleira de Cultura, contextualizou o nacemento da I Batalla de Galos: “Con esta primeira edición, desexamos achegar a unha das franxas de idade que nos quedaban pendentes novas propostas de ocio, buscando tamén con eles a dinamización sociocultural do municipio”. Dende a Concellaría de Mocidade, Noelia Montero valora moi positivamente a chegada da iniciativa, “porque é unha proposta diferente, innovadora, que vai en consonancia cos gustos xerais da xuventude”.
Así, sobre un ritmo de boom bap, os 8 artistas improvisarán rimas e tratarán de convencer ó xurado profesional para pasar á seguinte ronda. A maiores, a I Batalla de Galos tamén contará co seu propio speaker e DJ.
Ykiam, Le33, Junay, Dury, Sozat, Jota, Simm e Kaid serán os protagonistas dos duelos da tarde do 3 de setembro.