- O seu pincho ‘As Sereas das Mirandas’ acada o primeiro posto, completando o pódium as propostas ‘Sorbete de Mar’, do Bocarte, e ‘Bocado de batea’, do local Noaru.
- O Concello desvelou o venres pasado os tres primeiros postos da ruta do pincho e entregoulles os correspondentes galardóns.
A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, puxo o punto e final á última edición da ruta do pincho DegustAres este venres pasado no salón de actos da Alianza Aresana. Alí se promoveu a entrega de premios aos gañadores deste ano con presenza dos locais de hostalería e da veciñanza.
Tras contabilizar as máis de 100 follas de valoración válidas, a edila desvelou ao restaurante Tarrafa e a súa proposta ‘As Sereas das Mirandas’ como a mellor tapa do 2026, con 1.100 puntos, levándose un primeiro premio de 600 euros e unha visita con noite de hotel en Bodegas Valdelana, na Rioxa Alavesa.
No segundo mellor posto atópase Bocarte, co seu ‘Sorbete de Mar’ (675 puntos), recibindo de mans de Lucía Blanco o galardón de 500 euros e outra experiencia en Bodegas Ismael Arroyo, en Sotillo de la Ribera (Burgos). Completa o pódium o pincho ‘Bocado de batea’, do Noaru (620 puntos), que acada os 400 euros de premio e unha visita ás Bodegas Santa Marta, en Valdeorras.
A concelleira de comercio, Lucía Blanco, parabenizou aos representantes dos tres negocios pola “orixinalidade das súas propostas tanto en sabor como en presentación”, e agradeceu tamén a involucración xeral dos 10 locais que formaron parte desta edición, así como da veciñanza e dos axentes colaboradores: bodegas de vinos Ismael Arroyo e Santa Marta, Abanca, Valdelana, Agrotendas, Coca Cola e a empresa local Bodegas y Vinos Ares.
Blanco enfatizou “a boa nova que supón o incremento da participación da veciñanza nesta edición, chegando até as 121 follas de valoracións, ao constatar a acollida positiva do roteiro municipal de tapas”.
PREMIOS PARA OS CLIENTES PARTICIPANTES
Durante a celebración do acto sorteouse un vale de 100 euros entre o público asistente, mais os premios para os clientes participantes non quedaron só nisto.
A Concellaría de Comercio distribuiu outros 5 vales cun importe de 100 euros, xunto cun par de botellas de viño magnum, unha experiencia con visita e noite de hotel para 2 persoas nas Bodegas Valdelana e tres licores de Agrotendas, incluíndo licor café, crema e herbas.
En total, o DegustAres achegou uns 2.000 euros en vales de consumo local, reforzando así o seu obxectivo de dinamizar a hostalaría, impulsar o comercio de proximidade e premiar a participación activa da cidadanía.






