O SendAres pon en marcha a última ruta da tempada 21-22

Comparte esta nota de prensa

O programa de sendeirismo municipal terminará cunha viaxe a Asturias dividida en dúas etapas, unha delas nas fouces do Esva e outra pola Senda de Naviega, por un prezo de 85 euros.

A inscrición abrirá hoxe, 18 de xullo, ás 23:59 horas, e estenderase ata o 11 de agosto ou o remate das 18 prazas habilitadas.

A Concellaría de Deportes encara a recta final do que é a súa planificación sendeirista por espazos de considerable patrimonio natural dentro do curso 2021-2022. Despois de 6 grandes percorridos que levaron ós excursionistas á Costa da Morte, San Sadurniño ou Caaveiro, o SendAres permitirá achegarse ata Asturias nunha viaxe dividida en dúas etapas. A inscrición para participar nela abrirá hoxe mesmo, 18 de xullo (23:59 horas) e rematará o 11 de agosto, segundo informan dende a organización

Así, a actividade arrancará ás 6:30 horas do 10 de setembro co bus de saída dende Ares a San Pedro de Paredes (Asturias), premio Príncipe de Asturias de Vila exemplar no 2001. A primeira etapa suporá percorrer uns 18 quilómetros das fouces do Esva, declaradas monumento natural e sitas no Occidente asturiano cunha conca en forma de garganta estreita e excavada na rocha.

Dende aí, os excursionistas pernoctarán en Navia para encarar a xornada do 11 de setembro a segunda etapa da viaxe, uns 10 quilómetros pola Senda de Naviega, a máis antiga dos roteiros costeiros asturianos e que transita de maneira lineal cos cantís. Durante as 4 horas da senda, tamén se visitarán as praias de Barayo e Frexulfe, amais do porto de Vega.

Toda a viaxe terá un prezo de 85 euros, nos que se inclúe o aloxamento, os transportes de ida e volta a Ares, xunto cos desprazamentos por Asturias e os servizos de guía.

O Concello porá a disposición das persoas interesadas 18 prazas en total, que se poderán reservar vía telemática na páxina web municipal (www.concellodeares.com) a través do apartado adicado ó SendAres.

 

Pódeche interesar