Ares completa a primeira quincena da programación deportiva con éxito de participación

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email
Esta semana realizáronse as sesións iniciais das actividades que quedaban por comezar dentro da planificación lúdico-deportiva do Concello: o manexo de drons, os partidos de fútbol burbulla (dúas novidades) e volei-praia.

A área de Deportes recalca que se cubriron todas as prazas convocadas de Xuventude Verán Activo, a oferta destinada á mocidade do municipio.

As primeiras semanas deste mes convértense nun dos principais indicadores do pulso do verán en Ares, pois a localidade vive nas últimas xornadas a posta en marcha das programacións municipais do eido cultural e deportivo cunha oferta que alcanza xa niveis prepandémicos. Precisamente ao peche deste venres, 15 de xullo, todas as actividades do programa Xuventude Verán Activo de Deportes están xa activas, coas sesións de inicio e presentación finalizadas.

Foi o pavillón polideportivo de Ares o espazo que acolleu, na mañá de hoxe, o estreo da modalidade do fútbol-burbulla, unha das novidades na planificación do período estival de 2022 que hibrida o deporte, o ocio e a diversión segura. Tamén no pavillón tanto rapaces coma rapazas inauguraron o mércores pasado outra novidade relacionada coas novas tecnoloxías: o manexo de drons. A pista da infraestrutura polideportiva transformouse así nun lugar de manobras e voos, mais tamén de aprendizaxe.

Nesta sesión do mércores, e a través das explicacións do monitor, coñeceron os componentes de cada un dos drons e as diferentes tipoloxías que existen, dende os de entrenamento (máis robustos e preparados para os golpes) ata os de competición (con maior potencia e velocidade) ou mesmo os microdrons.

Xa ao aire libre, e aproveitando a boa climatoloxía ao peche da tarde do día de onte (polo xoves, 14), no areal urbano de Ares tivo lugar o arranque das clases de volei-praia, unha das actividades que máis demanda e éxito está tendo dentro da oferta deportiva do Concello.

Dende a área de Deportes municipal salientan o “éxito que supón o programa do Xuventude Verán Activo” focalizado na mocidade, con grupos homoxéneos e a cubertura total de todas as prazas que se puxeron a disposición de veciñanza e visitantes. En comparativa con 2019, recupéranse o número de programacións, mais cun salto cualitativo da man da diversificación das actividades, que agora inclúen propostas de ocio e novas tecnoloxías -as anteriormente nomeadas sesións de drons e fútbol-burbulla, mais incluíndo o modelado 3D-.

A maiores, a oferta deportiva do Concello espallouse pola localidade achegándose non só ata o pavillón, senón tamén ós areais aresáns ou á propia cidade deportiva de Pedrós, co obxectivo de poñer en valor as infraestruturas dispoñibles na contorna municipal.

 

Pódeche interesar