O SendAres pon en marcha a última ruta da tempada 22-23

Comparte esta nota de prensa

O programa de sendeirismo municipal terminará cunha ruta polo Golfo Ártabro, cun percorrido pola costa dende Ares a Chanteiro, por un prezo de 8 euros.

A inscrición abrirá hoxe, 26 de maio, ás 23:59 horas, e estenderase ata o 11 de xuño ou o remate das 50  prazas habilitadas.

A Concellaría de Deportes encara a recta final do que é a súa planificación sendeirista por espazos de considerable patrimonio natural dentro do curso 2022-2023. Despois de 8 grandes percorridos que levaron ós excursionistas ao Río Belelle, os muíños de Esmelle, a costa de Dexo ou os cantís de Cedeira, o SendAres permitirá achegarse ao Golfo Ártabro a través dunha ruta pola costa dende Ares ata Chanteiro. A inscrición para participar nela abrirá hoxe mesmo, 26 de maio (23:59 horas) e rematará o 11 de xuño, segundo informan dende a organización.

Así, a actividade arrancará ás 9:00 horas do domingo 18 de xuño dende a Praza da Igrexa para dirixirse polo sendeiro da costa ata Chanteiro, percorrendo toda a senda do litoral, bordeando Ares, Lubre, Cervás, Punta Coitelada e a praia de Chanteiro, onde rematará a ruta. Dende a organización apuntan que  a continuación disto e tras unha breve parada, retornarase a Ares en bus, poñendo fin á actividade sendeirista, en torno ás 14:00 horas.

A ruta suporá percorrer 14 quilómetros, cun nivel de dificultade media-baixa.

A actividade terá un prezo de 8 euros, nos que se inclúe o transporte de volta a Ares, xunto cos seguros e servizos de guía.

O Concello porá a disposición das persoas interesadas 50 prazas en total, que se poderán reservar vía telemática na páxina web municipal (www.concellodeares.gal) a través do apartado adicado ao SendAres.

Pódeche interesar