Unha mirada á saúde mental e ao autocoidado de quen está ao carón das persoas dependentes: Ares comeza cos obradoiros de xestión emocional para coidadoras

Comparte esta nota de prensa

  • A primeira sesión desta iniciativa impulsada polo Centro de Información á Muller (CIM) da vila, xunto coa Concellaría de Igualdade e Benestar, vén de realizarse esta mañá no municipio cun grupo de 16 participantes.
  • O foco dos obradoiros, que terán continuidade con cinco sesións máis, porase no autocoidado de quen coida, un perfil claramente feminizado e con problemáticas transversais. Aprenderán sobre relaxación, límites saudables ou xestión da culpa, entre outras cuestións.

 

Como aprender a coidarse a unha mesma cando tamén se coida doutra persoa dependente? Esa é a pregunta fundamental que se responderá ao longo das 6 sesións que conforman o obradoiro proposto polo CIM de Ares e a Concellaría de Benestar; un xeito de traballar con aquelas mulleres —pois os coidados son unha responsabilidade que recae, practicamente na súa totalidade, nelas—que son ou foron coidadoras.

Esta mesma mañá, o Centro de Recreo e Actividades Culturais do Concello acolleu a primeira destas sesións que poñen o foco en múltiples pautas que contribúen a unha mellora da saúde mental, baixo o nome de Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural. 

Alí, as case vinte participantes da iniciativa, que conta coa colaboración da Fundación Mulleres e o financiamento da Deputación da Coruña, entraron en contacto entre si para coñecerse e, sobre todo, para afondar no contexto dos propios coidados na sociedade contemporánea.

A propia concelleira de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro, deulles a benvida xunto coa directora do CIM aresá, Laura Toimil, e enfatizou a relevancia de “construír entre todas un espazo onde teñan un tempo para elas, para parar e para tratarse ben”, en palabras da edila.

E esa é a máxima detrás do obradoiro: facer das  sesións, que se producirán cada xoves até o 18 de xuño en horario de mañá, un lugar onde poidan aprender os “pilares do benestar e autocoidado”.

A facilitadora e encargada de coordinar a actividade, Bárbara González, da Fundación Mulleres, tamén fixo fincapé nun dos obxectivos do programa: que “poidan aprender a tratarse con amabilidade, a poñer límites, a relaxarse… mais sobre todo a que o seu diálogo interno sexa máis compasivo. A autocompasión é chave para este autocoidado”.

Dende agora en adiante, afondarán en cuestión como o mindfulness, as fórmulas para xestionar a culpa interna que se autoimpoñen ou como poñer límites saudables e sólidos.

Un conxunto de obradoiros totalmente de balde destinados, en esencia, a mellorar a calidade de vida de todas aquelas coidadoras ou excoidadoras de persoas dependentes.

 

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.