Apuntando ao mar: un simposio internacional en Ferrol para afondar no atractivo histórico e turístico das baterías costeiras

Comparte esta nota de prensa

A Deputación da Coruña, coa colaboración dos concellos de Ares, Ferrol e Valdoviño, promove durante as xornadas do 9, 10 e 11 de febreiro este foro de debate que estuda, dende diferentes eidos, as posibilidades de actuación nestes enclaves espallados por Ferrolterra.

O evento organizarase no Teatro Jofre e requerirá de reserva previa formalizando a inscrición na páxina web https://apuntandoaomar.com/ ata o 3 de febreiro. A asistencia é gratuíta.

Un panel de expertos nacionais e internacionais desprazarase ata o Teatro Jofre, en Ferrol, no marco de “Apuntando ao mar”, un espazo de debate de alto nivel que ten coma obxectivo divulgar o valor e atractivo das baterías costeiras situadas en zonas do litoral marítimo da comarca. A Deputación da Coruña, coa involucración dos concellos de Ares, Ferrol e Valdoviño, organiza esta iniciativa para ampliar o coñecemento da poboación en xeral e dos profesionais do turismo cultural e natural en particular sobre uns enclaves militares de especial interese.

Así, durante o xoves 9, venres 10 e sábado, 11 de febreiro, promoveranse múltiples faladoiros e conferencias que destacan pola pluralidade do enfoque; haberá tempo para realizar un percorrido histórico das defensas costeiras de Galicia dende o século XVI ata o XX, pero tamén para entender a potencialidade destes elementos militares dende unha perspectiva turística e mesmo medioambiental, vencellándoos coa paisaxe. Con todo, o sábado, 11 de febreiro, saírase das instalacións do Teatro Jofre e visitaranse Exponav, o arsenal de Ferrol e as baterías militares de Prior.

Así, expertos nacionais, tanto de Galicia coma doutras partes de España, e internacionais, procedentes de Italia, Bélgica ou Francia, serán os encargados de achegar casos de éxito, pero tamén de afondar nas particularidades de A Bailadora, Estaca de Bares… lugares que desexan ser potenciados polos concellos e a Deputación, traballando a prol da súa mellora.

Para asistir a Apuntando ao Mar será necesario inscribirse previamente no sitio web https://apuntandoaomar.com/ ata o 3 de febreiro. A asistencia é gratuíta e tamén se contempla a posibilidade de visualizar as sesións en directo a través da páxina web do evento.

PROGRAMA APUNTANDO AO MAR en pdf

Pódeche interesar