Ares ofrece catro talleres para persoas maiores: Lectoescritura, Risoterapia, Memoria e uso de Smartphones

Comparte esta nota de prensa

A Concellería de Igualdade e Benestar anuncia a apertura do período de inscrición para os catro talleres que se levarán a cabo a través dos Servizos Sociais de Ares. Estes talleres están deseñados especialmente para persoas maiores de 55 anos que estean empadroadas no municipio.

Así, durante o período 2023-2024, a área municipal de Servizos Sociais ofrecerá as seguintes actividades:

O Taller de Lectoescritura levarase a cabo todos os martes de 10:30 a 12:00 horas. Este taller céntrase en mellorar as habilidades de lectura e escritura, dúas competencias fundamentais para o desenvolvemento e a expresión de ideas, pensamentos e emocións.

En canto ao Taller de Risoterapia, os venres de 17:30 a 19:00 horas, realizaranse sesións no anexo municipal de maiores. Este taller emprega diversas técnicas que promoven beneficios mentais e emocionais a través da risa, liberando tensións do corpo.

Como terceira opción ofértase un Taller de Memoria dividido en tres grupos para chegar a diferentes áreas do municipio:

  • O grupo de ARES reunirase os luns, en dous horarios: de 16:30 a 18:00 horas e de 18:00 a 19:30 horas.
  • O grupo de CERVÁS/CHANTEIRO reunirase todos os venres, de 17:00 a 18:30 horas.
  • O grupo de CAAMOUCO está en proceso de formación e está pendente de alcanzar o número mínimo de participantes.

Por último, o Curso de Iniciación ao Uso de Smartphones levarase a cabo na Casa da Xuventude municipal os mércores, con dous grupos en horarios de mañá. O primeiro grupo reunirase de 10:15 a 11:45, e o segundo de 12:00 a 13:30 horas. O obxectivo deste curso é proporcionar coñecementos esenciais no uso de teléfonos intelixentes, abarcando desde a utilización de Google Maps ata a reprodución de vídeos en Youtube ou o uso da banca electrónica.

O período de inscrición para estes catro talleres comezará o vindeiro luns 18 de setembro e estenderase ata o 30 de setembro. Para obter máis información, podes chamar ao número de teléfono 981 468 354 ou visitar o edificio de Servizos Sociais municipal en persoa.

Pódeche interesar