Ares lanza un obradoiro para aprender a empregar as redes sociais no pequeno comercio

Comparte esta nota de prensa

O Concello, da man da Oficina AceleraPyme da Deputación da Coruña, programa a sesión “As redes sociais: o escaparate para pemes, persoas autónomas e emprendedoras” o próximo luns, 18 de marzo, a partir das 19:30 horas.

A iniciativa permitirá que os negocios locais afonden en ferramentas dixitais para mellorar a súa presenza en Internet. É totalmente de balde, mais precisa de inscrición previa no 881 04 58 98 ou vía telemática en https://acelerapymeruraldacoruna.es/eventos/.

A Concellaría de Comercio de Ares e a Oficina AceleraPyme da Deputación da Coruña organizan conxuntamente a próxima semana un obradoiro de marketing dixital para o tecido comercial aresán, feito expresamente para debullar as circunstancias que hai que ter en conta no manexo das redes sociais dunha peme, mais tamén as ferramentas ao alcance no día a día para modernizar a presenza dun negocio local en Internet.

A charla, baixo o nome “As RRSS: o escaparate para as pemes, persoas autónomas e emprendedoras”, realizarase o luns, 18 de marzo, nas instalacións da Alianza Aresana de 19:30 a 20:30 h., e posteriormente haberá espazo para un aperitivo networking de media hora.

A nivel de contidos, afondarase no contexto das redes sociais, a súa importancia e como afecta a súa boa xestión ás pequenas e medianas empresas. Tamén haberá tempo para coñecer algunhas ferramentais dixitais ao alcance dos negocios coma Google My Bussiness e, finalmente, achegarse ao concepto de UGC, o contido xerado polos usuarios, unha materia prima aproveitable nas redes sociais dos locais.

O obradoiro estará impartido por Julio Flores Balado, con experiencia académica no eido da formación profesional, amais de exercer coma consultor empresarial e docente en múltiples centros académicos asociados ao marketing dixital.

Ante a posta en marcha do evento, a concelleira de Comercio, Lucía Blanco, destacou “a importancia de que hostalería e comercio continúen modernizándose, porque agora a clientela, e máis despois da pandemia da covid, demanda novas formas de comunicación, novos servizos e un contacto máis inmediato”.

Dende a perspectiva da concelleira, “estes obradoiros divulgativos son fundamentais para medrar coma negocios e innovar” e celebra “poder materializar, a través da Deputación da Coruña, unha iniciativa de formación empresarial” coma a que se impartirá o vindeiro luns.

O evento é totalmente de balde para as persoas participantes, só precisando inscrición previa contactando co 881 04 58 98 ou na xanela adicada a Ares en https://acelerapymeruraldacoruna.es/eventos/, cubrindo o formulario telemático.

Pódeche interesar