- O autor desta obra que se mergulla na Galicia do século XV, Julio Emilio Marco Franco, chega á vila o vindeiro venres, 23 de maio, ás 20:00 horas.
- A historia detrás das súas páxinas afonda nas intrigas políticas e familiares da Casa dos Andrade nunha época marcada pola tensión entre os reinos de Castela e Aragón.
O salón de actos da Alianza Aresana acollerá unha nova presentación literaria coa mirada posta, nesta ocasión, no pasado medieval da Galicia do século XV. Trátase da primeira novela do médico xubilado e doutor en Economía Julio Emilio Marco Franco, “Caaveiro”, un relato a modo de thriller histórico sobre o que falará o próximo venres, 23 de maio, ás 20:00 horas.
En conversa coa concelleira de Cultura, Alma Barrón, o Julio Emilio Marco debullará as temáticas e circunstancias de creación desta historia que combina personaxes históricos con outros ficticios, mais tamén explora as intrigas políticas que se desenvolveron no interior da Casa dos Andrade.
A novela ambiéntase en lugares coñecidos como o Mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume, e supón unha inmersión no contexto histórico desa época a través dunha trama de misterio, con varios asesinatos e unha investigación destinada a descubrir aos seus culpables.
O acto contará con venda e sinatura de exemplares ao seu peche, mais o recadado ten carácter solidario: todos os beneficios destinaranse a incubadoras infantís para hospitais de baixos recursos, baixo a iniciativa que lidera Pablo Sánchez Bergasa, Premio Princesa de Gerona.
SOBRE O AUTOR DE “CAAVEIRO”
Julio Emilio Marco Franco naceu en Ferrol en 1951. É licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago (USC) e doutor pola Universidade Autónoma de Barcelona. Especialista en Medicina Interna e Nefroloxía con múltiples estudos universitarios no eido da enfermería, a música, a economía ou o xornalismo.