O Concello pon en marcha a Oficina Municipal de Turismo para a tempada de verán

Comparte esta nota de prensa

  • Visitantes e veciñanza poderán consultar alí a oferta de actividades e servizos dispoñible neste período estival, dende as visitas ao Mosteiro de Santa Catalina e o alboio de Redes ás rutas en barco ou o aluguer de bicicletas, amais de informarse dos espazos de interese en Ares.
  • Estará aberta até outubro, inclusive, tanto en horario de mañá como de tarde.

 

Dende este martes, a Oficina de Información Turística (OIT) do Concello ten as súas portas abertas para toda aquela persoa interesada en coñecer a oferta cultural, patrimonial e de lecer dispoñible durante os vindeiros meses en Ares. O servizo funcionará ata finais de outubro ofrecendo atención personalizada e a principal información para explorar a riqueza natural, a historia e a identidade do municipio.

O punto de información turística estará aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 h., e de 17:00 a 20:00 h., amais dos sábados, domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. na franxa de tarde.

Na oficina poderase obter información actualizada sobre actividades turísticas como as rutas en barco “Ares dende o Mar”, que percorren a ría durante as fins de semana a bordo do M. Presas, ou as visitas guiadas ao Mosteiro de Santa Catalina –os luns e xoves– e o alboio de Redesmartes e venres– polas mañás, dispoñibles do 15 de xullo ao 15 de setembro sen necesidade de reserva previa.

Con todo, dende a Concellaría de Turismo tamén informan que nos vindeiros días se habilitará o servizo municipal de “BicicletAres”, para alugar bicicletas na propia oficina e percorrer a vila de forma sostible e cómoda grazas á súa morfoloxía plana.

A OIT actúa así como un centro de atención turística e de apoio á tramitación de reservas, achegando ao público unha visión completa de Ares, coas súas rutas de sendeirismo para hibridar turismo e deporte, a forte pegada indiana, o seu patrimonio histórico e a súa estreita relación co mar.

Para máis información, pódese contactar co número de teléfono 981 468 259.

 

Pódeche interesar