Este venres pasado, o escritor de Bañobre (Miño) Rober Cagiao achegouse ata a vila para conversar co público arredor da súa nova obra, A Dama de Anboto, acompañado polo xornalista e escritor Pablo J. Rañales, e publicada tanto en galego (Calacán Editora) como castelán (VR Ediciones).
Durante o encontro, a veciñanza mergullouse nas circunstancias creativas desta novela que combina mitoloxía vasca, segredos familiares e un ritmo de thriller, ambientado entre Galicia e o País Vasco, onde as desaparicións e a sombra do monte Anboto marcan unha historia chea de intrigas, con saltos temporais e unha revisión de temáticas como a corrupción das figuras de autoridade ou a dor das ausencias.
Organizada pola Concellaría de Cultura e coa asistencia da edila Alma Barrón, a cita serviu tamén para coñecer o proceso creativo dun autor que xa suma quince novelas publicadas e que se atopa consolidado dentro do xénero da novela negra galega.





