O Concello aproba uns orzamentos históricos que inclúen máis de 8,35 millóns de euros para obras de calado en Ares

Comparte esta nota de prensa

  • As contas da institución aresá mobilizarán en total preto de 12 millóns de euros e exemplifican, en palabras do alcalde, Julio Ignacio Iglesias Redondo, a “capacidade de captación de fondos doutras administracións que temos”, ao contemplar actuacións de grande volume con apoio económico de entidades estatais e autonómicas.
  • Cos votos a favor de PSOE-PsdeG (6), NAL (1) e o concelleiro non-adscrito (1), os orzamentos permiten materializar intervencións como as obras de mellora do abastecemento en Ares –uns 3,6 millóns de euros–, a rehabilitación parcial do Convento de Santa Catalina –3 millóns de euros– ou o novo céspede para o campo de fútbol de Prados Vellos –uns case 450.000 euros–.

 

A corporación municipal vén de aprobar este luns pasado, na súa sesión plenaria ordinaria, os orzamentos para o presente exercicio de 2026, un instrumento de previsión dos ingresos e gastos que ascende ata os 12 millóns de euros, contemplando dentro deste investimento a execución de varios proxectos de carácter estratéxico para o municipio.

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, destacou a inclusión de “máis de 8,35 millóns de euros procedentes de fondos estatais, autonómicos e municipais para obras moi necesarias e demandadas na vila; dous tercios do total orzamentario.

Segundo o rexedor aresán, é precisamente este dato o que “constata o carácter histórico destas contas”, exemplificando ademais “a nosa capacidade para captar recursos e obter financiamento externo doutras administracións, fundamental á hora de facer realidade proxectos de gran envergadura e relevancia para a veciñanza.

Así, entre as actuacións máis destacadas dos orzamentos para o 2026 inclúense a mellora do sistema de abastecemento de auga, cunha partida de 3,6 millóns de euros —aos que se lle suman 700.000 euros da redacción do proxecto técnico, a súa dirección de obra, o control de calidade e outros elementos vencellados coa xestión da intervención— e tamén a intervención de rehabilitación parcial do Convento de Santa Catalina, que involucra a execución dun investimento de 3 millóns de euros.  

O documento orzamentario incorpora a maiores proxectos sobre infraestruturas deportivas, como acontece coa renovación do céspede do campo de fútbol de Prados Vellos (446.000 euros) ou mesmo a construción dunha sala de usos múltiples na contorna do Club de Tenis de Redes (258.000 euros), que incluirá ximnasio e vestiarios.

E no tocante ó eido urbanístico e de servizos, recóllense as actuacións para o abastecemento e aglomerado en As Poellas (75.000 euros), a execución da última fase da senda peonil e o aglomerado da estrada de Pedrós (310.000 euros), a reforma do mercado municipal (200.000), a mellora da pista do colexio CPI As Mirandas (200.000 euros) e a creación dun aparcadoiro disuasorio na estrada de Franza (290.000 euros), no acceso a Ares.

“Damos resposta a demandas en eidos diversos, e que conlevan a posta en valor do patrimonio, melloras en infraestruturas deportivas, servizos básicos, espazos importantes para a vila…; oportunidades que se abren grazas á captación de fondos constante que logramos”, salientou Julio Ignacio Iglesias.

A proposta dos orzamentos do 2026 foi aprobada cun total de 8 votos a favor, 6 de PSOE-PsdeG, NAL (1) e o concelleiro non-adscrito (1), Daniel Villaronga, e 4 votos en contra do BNG (3) e PPdeG (1).

Pódeche interesar