O Concello de Ares acollerá o vindeiro sábado, 12 de setembro, unha xornada de degustación gratuíta de produtos da ría de Ferrol, organizada pola Confraría de Pescadores de Ferrol, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Ares.
A actividade desenvolverase entre as 12:00 e as 13:30 horas no paseo marítimo, diante do Concello, e permitirá á veciñanza e ás persoas visitantes coñecer e degustar produtos procedentes da ría de Ferrol, entre eles marisco e peixe, con produto depurado na propia lonxa da Confraría.
A iniciativa forma parte dun proxecto anual iniciado no ano 2023, que leva diferentes xornadas de promoción a distintos puntos da provincia da Coruña co obxectivo de achegar á cidadanía a calidade dos produtos do mar e a profesionalidade do sector pesqueiro e marisqueiro, así como favorecer a súa promoción e comercialización.
Estas xornadas contribúen tamén a poñer en valor o traballo de pescadores e mariscadoras e mariscadores, así como a importancia económica, social e cultural da actividade pesqueira e marisqueira nas comunidades costeiras.
Desde o Concello de Ares anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta proposta e gozar dunha actividade que combina gastronomía, tradición e promoción dos produtos da nosa contorna.
A xornada será de acceso gratuíto e estará aberta ao público.
Mar, sabor e tradición daranse cita en Ares.

