A Concellaría de Deportes presenta unha nova programación con itinerarios entre outubro e maio, que combinarán percorridos polo municipio de Ares con rutas por algúns dos espazos naturais máis destacados de Galicia.
O programa inclúe propostas nas Fragas do Eume, o litoral de Ares e Cervás, o Val de Cambás, Estaca de Bares e a Costa da Morte, con prezos de entre 5 e 20 euros por participante.
As inscricións para a primeira ruta abriranse o martes 13 de outubro, a través da web municipal, e permanecerán abertas ata as 14:00 horas do 19 de outubro.
O patrimonio natural galego volverá ser protagonista do SendAres 2026-2027, o programa municipal de sendeirismo impulsado pola Concellaría de Deportes do Concello de Ares, que ofrecerá sete rutas entre outubro e maio para gozar da actividade física ao aire libre e descubrir novas paisaxes.
A nova tempada combinará percorridos por algúns dos espazos naturais máis singulares de Galicia con itinerarios polo propio municipio, poñendo en valor a contorna costeira de Ares e as súas parroquias, así como a riqueza ambiental, paisaxística e patrimonial doutros puntos da comunidade.
A programación arrancará o 25 de outubro cunha ruta pola Senda dos Cerqueiros e o miradoiro da Carbueira, no Parque Natural das Fragas do Eume. A continuación, o calendario continuará con tres propostas pola contorna de Ares: a circular Ares-Cervás-Ares, o 15 de novembro; a circular Cervás-Chanteiro-Cervás, o 17 de xaneiro; e un percorrido por Montefaro, con paso polo mosteiro de Santa Catarina e as baterías da Bailadora e Fonteseca, o 21 de febreiro.
Na primavera, o SendAres desprazarase ao Val de Cambás, en Aranga, o 21 de marzo, para descubrir a súa fraga de ribeira, as fervenzas e os antigos muíños. O 25 de abril chegará a quenda do litoral do Barqueiro, Porto de Bares e Estaca de Bares, mentres que a tempada concluirá o 23 de maio coa ruta dos Pinos da Costa, entre Razo e Malpica de Bergantiños, un itinerario que permitirá percorrer algunhas das paisaxes máis representativas da Costa da Morte.
As rutas terán unha duración e unha dificultade adaptadas a cada percorrido, con propostas de nivel baixo e medio e distancias comprendidas entre os 9 e os 16 quilómetros. As saídas desde Ares contarán cun punto de encontro establecido para cada actividade e, nos desprazamentos fóra do municipio, facilitarase o transporte de ida e volta.
En canto ás tarifas, as tres rutas pola contorna de Ares terán un prezo de 5 euros, mentres que as catro saídas a outros enclaves galegos custarán 20 euros. As prazas estarán limitadas a 30 nos itinerarios locais e a 25 nas rutas que requiren desprazamento, e asignaranse por orde de inscrición.
Inscricións para a primeira ruta
As inscricións para a primeira saída, prevista para o 25 de outubro, abriranse o martes 13 de outubro a través da páxina web municipal. As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación mediante o trámite telemático habilitado para a actividade, ata as 14:00 horas do 19 de outubro ou ata completar as 25 prazas dispoñibles.
Con esta nova edición, o SendAres volve apostar por achegar o sendeirismo á veciñanza, fomentar os hábitos de vida activa e ofrecer oportunidades para coñecer e gozar dos espazos naturais de Galicia, combinando o exercicio físico coa divulgación ambiental e o descubrimento do territorio









