Este domingo, o grupo vigués da Fundación Igual Arte, composto por 5 músicos e músicas con diversidade funcional, versionará cancións actuais e achegará as súas propias composicións ó público aresán.
O concerto tamén serve para enfatizar a importancia de que todas as persoas poidan expresarse artisticamente.
Colaboraron con Antonio Orozco, Dakidarría, Ganjahr, Xermán Bugallo, Wöyza… e poñen enriba da mesa o dereito a que a arte poida pertencer a todos nas súas múltiples variantes, neste caso a través da música; ese é o trasfondo que hai detrás de Chungo Pastel, o grupo que chegará a Ares o domingo, 31 de xullo, para tocar no Parque Rosalía. Versionando cancións e amosando as súas propias creacións, os seus integrantes, persoas con diversidade funcional, tocarán a ritmo do pop-rock máis cañero.
Chungo Pastel é o grupo de música da Fundación Igual Arte, que loita precisamente pola integración das persoas con diversidade no eido artístico e o desenvolvemento das súas competencias creativas e expresivas. Igual Arte leva 20 anos traballando na contorna de Vigo impartindo non só clases de música, senón tamén sesións de danza, teatro e artes plásticas accesibles ás persoas con discapacidade.
Composta por batería, baixo, guitarra eléctrica, teclados e pequeña percusión, a banda de Chungo Pastel amosará o seu repertorio á noite, preto das 22:30 horas, no concerto organizado pola Concellaría de Cultura da localidade.
Non perdas a oportunidade de ver unha actuación diferente e moi necesaria! Aquí abaixo poderás ver un dos seus videoclips: https://www.youtube.com/watch?v=bT5DuVgM8fY&t=1s