Rematan os traballos de mellora do acceso á praia do Xuncal dende os Castros

Comparte esta nota de prensa

O investimento da actuación, que está en consonancia coas renovacións de varandas e entradas ó areal executadas previamente, ascendeu a 49.421,60 euros.

O Concello vén de informar da finalización das obras que se estaban a realizar nun dos accesos á praia do Xuncal, un punto clave coma espazo de interese turístico e un motor socioeconómico de primeira magnitude para a localidade.

Nas últimas semanas, instalouse a nova senda de madeira, renovouse ao completo a escaleira que permite entrar e saír dende os Castros e habilitouse unha rampla do mesmo material para promover unha mellora da accesibilidade xeral do areal, amais de contribuir á posta en valor da contorna na que se inscribe.

Así, a eliminación de barreiras e a renovación desta infraestrutura de entrada e de saída aumentan a seguridade, mais tamén fomenta un emprego de maior calidade da praia, favorecendo o turismo mariñeiro e o seu desfrute por parte dos usuarios diarios.

Ademais, estes traballos realizáronse en consonancia con outras melloras entre o areal do Xuncal e o Parque Rosalía, como é o caso da renovación da varanda do paseo marítimo, coa mesma tipoloxía de material para homoxeneizar esteticamente todos os elementos arredor da praia.

Esta actuación que vén de rematar contou cun investimento de 49.421,60 euros, impostos incluídos, sufragados entre o GALP Ártabro Norte e as arcas municipais.

 

Pódeche interesar