Ares organiza obradoiros de lectoescritura, memoria e risoterapia para maiores

Comparte esta nota de prensa

As persoas con máis de 55 anos empadroadas no municipio xa poden inscribirse ata o 30 de setembro formalizando a súa solicitude nos Servizos Sociais de Ares.

A Concellaría de Igualdade e Benestar vén de informar da apertura do prazo de inscrición nos tres obradoiros que se promoven dende Servizos Sociais de Ares, todos eles co foco posto nas persoas maiores de 55 anos empadroados/as no municipio.

Así, durante o curso 2022-2023, o edificio municipal de Servizos Sociais acollerá as sesións de lectoescritura todos os mércores ás 10:00 horas, traballando dúas habilitades intimamente conectadas coma son a lectura e a escritura, claves no desenvolvemento e expresión de ideas, pensamentos e sentimentos.

Tamén durante as tardes dos mércores organizarase no anexo municipal de maiores o obradoiro de risoterapia, de 17:00 a 18:30 horas, co que se realizarán múltiples técnicas que fomentan a produción de beneficios mentais e emocionais por medio da risa, liberando as tensións do corpo.

Coma terceira e última opción, haberá un obradoiro de memoria dividido en tres grupos, de cara a achegarse ás parroquias e aumentar o rango de actividade. Estes serán os seus horarios de actividade:

• O grupo de ARES realizará as súas sesións os luns, de 16:30 a 18:00 horas e de 18:00 a 19:30 horas.
• O grupo de CERVÁS/CHANTEIRO será todos os xoves, de 16:00 a 17:30 horas.
• O grupo de REDES está pendente de acadar o número mínimo de participantes para configurarse.

O prazo de inscrición para as tres programacións da área de Igualdade e Benestar estenderase ata o 30 de setembro. Para máis información, está dispoñible o número de teléfono 981 448 354 ou acudindo presencialmente ao edificio de Servizos Sociais municipal.

 

Pódeche interesar