A avifauna de Ares, ao descuberto no último estudo promovido polo Concello

Comparte esta nota de prensa

O documento que vén de facerse público na casa consistorial identifica 155 especies de aves silvestres con presenza na contorna aresá, 6 delas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Tamén recolle localidades de interese ornicolóxico dentro do municipio: as Illas das Mirandas, a praia de Ares, o espazo da Xunqueira e a área que abrangue dende o areal da Barrosa até Punta Coitelada.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, presentou esta mañá no seo do consistorio o “Inventario e valoración da avifauna do concello de Ares”, un estudo promovido pola súa área de traballo que reflicte a biodiversidade aresá e debulla as diferentes aves silvestres que poden observarse nos espazos naturais e urbanos do municipio.

“O documento achega un listado de aves que nos permite identificar as especies de maior relevancia en Ares, pero tamén os hábitats existentes sobre o territorio con especial valor ornicolóxico. Coa información dispoñible, tamén podemos comezar a planificar proxectos de protección medioambiental máis precisos”, salientou Lucía Blanco durante o acto.

O inventario comprende un total de 155 especies, 93 delas con presenza confirmada e un mínimo doutras 22 especies cunha presenza moi probable, “debido ao seu estatus común no conxunto do territorio comarcal”, segundo recolle o estudo.

CINCO AVES VULNERABLES, UNHA EN PERIGO DE EXTINCIÓN

Dentro deste catálogo, seis son as aves que presentan un alto interese pola súa inclusión no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a normativa que rixe a protección da flora e fauna, xunto cos seus hábitats, en Galicia.

A pardela balear (puffinus mauretanicus) convértese na principal especie en perigo de extinción que pode ter presenza en Ares, mais trátase dunha ave estritamente mariña que limita a súa actividade ao eido litoral. O estudo recolle a súa presenza en períodos de tempo moi específicos, pero tamén defende que non realiza a súa reproducción na costa aresá.

No relativo ás aves vulnerables, o número ascende a 5 especies:

  1. A gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), que normalmente se atopa pousada en praias ou rochedos costeiros, pero en tempos breves.
  2. O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), que está presente durante todo o ano nas costas aresáns, cun importante durmideiro nas Illas das Mirandas.
  3. A gabita (Haematopus ostralegus), que comparte espazo de nidificación coa anterior especie nas Illas das Mirandas.
  4. A aguia pescadora (Pandion haliaetus), que pode observarse nos pasos migratorios de marzo-abril e setembro-outubro en case calquera punto da costa de Ares.
  5. O papoazul (Luscinia svecica), un paxaro que pasa escasos días ou horas en Ares nas xunqueiras ou bosques pantanosos abertos nos mesmos pasos migratorios da aguia pescadora.

Xunto ás Illas das Mirandas, o estudo amosa tres espazos máis con marcado interese para a avifauna aresá. A área existente entre a praia da Barrosa ata Punta Coitelada é un deles pola súa capacidade de albergar colonias ante a escasa presenza humana e os hábitats que contén. Tamén a Xunqueira, pola súa alternancia de vexetación de marisma, carballeiras e bosque pantanoso é outro dos lugares de considerable valor ornicolóxico.

Porén, por enriba deles destaca especialmente a propia praia urbana de Ares, por constituirse coma a zona con maior espazo intermareal, xusto onde desemboca o río da Xunqueira. Alí pode observarse a mellor mostra de aves acuáticas invernantes e en migración en todo o concello.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,