Ares acollerá este Sábado O “XV Campionato Galego de Dominó por Parellas”

Comparte esta nota de prensa

Os responsables da Federación Galega de Dominó e da asociación Xabre, xunto co alcalde de Ares e a concelleira de Deportes, presentaron esta mañá en rolda de prensa o que será o XV Campionato por Parellas

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, a concelleira de Deportes, Noelia Montero, o presidente da Federación Galega de Dominó, Manuel Seoane, e o presidente da asociación de dominó Xabre, Luis Cendán (concelleiro de Plans e Persoal), presentaron esta mañá o XV Campionato Galego de Dominó por Parellas, que se desenvolverá neste municipio o vindeiro sábado, día 4 de xuño.

O Concello e a entidade de dominó local –que colaboran na celebración do evento, organizado pola Federación Galega de Dominó- compareceron na rolda de prensa celebrada na alcaldía na que se deron a coñecer todos os detalles dun campionato que pretende congregar arredor de 120 persoas procedentes de toda Galicia.

De feito, Seoane e Cendán informaron de que todos os clubes da comunidade están avisados e coa documentación pertinente realizada por Xabre para poder participar no campionato dunha actividade, como é o dominó, cunha máis que notable tradición en Ares. Unha actividade que, ademais é moi fructífera, xa que os xogadores aresáns están

a obter uns excelentes resultados nos torneos celebrados. Para esta ocasión, a asociación prevé que serán unhas 15 as parellas procedentes deste municipio que tomen parte no campionato.

“Agardamos que o día 4 de xuño sexa a gran festa do dominó”, manifestou Manuel Seoane, que adiantou que ademais dos participantes procedentes de toda Galicia, agárdase a chegada dun autobús enviado pola Federación Asturiana de Dominó, que aportará, en base a un convenio de colaboración entre ambas agrupacións, varias parellas. Esta colaboración será devolta pola Federación Galega cando os asturianos celebren o seu campionato autonómico.

Desde a Organización explicaron que o torneo se desenvolverá polo sistema de primeira ronda a sorteo e as seguintes polo sistema suizo, coa reglamentación vixente da Federación Española de Dominó. Tal e como detallaron, as partidas desenvolveranse a 300 puntos nun tempo límite de 50 minutos. Despois de celebradas as 5 primeiras partidas efectuarase un corte para a constitución dos grupos A e B. O grupo A estará formado, con carácter obrigatorio, polas parellas con 5, 4 e 3 partidas gañadas e as restantes parellas formarán o grupo B, coa única salvedade de que o grupo A deberá estar composto por un número par de parellas.

Así, o campionato comezará ás 09.00 horas, na Casa de Tía Julita, recinto no que se desenvolverá o evento, coa recepción e inscrición dos participantes. Ata as 10.00 horas, as persoas que desexen participar neste campionato por parellas poderán apuntarse, abonando unha cota de 35 euros por xogador.

Xa ás 10.15 horas, empezará a primeira ronda e se estenderá ata as 13.50, hora de finalización da cuarta ronda. Tras a parada para o xantar, a competición retomarase ás 16.15, coa disputa da quinta ronda; quedando as tres últimas (sexta, sétima e oitava) para os grupos A e B, que rematarán ás 19.50 horas.

A entrega de trofeos, prevista para as 20.15 horas, na que participará o alcalde e a concelleira de Deportes, celebrarase unha vez que remate a derradeira partida. Este acto, ademais incluirá un agasallo a todos os asistentes.

Na presentación, tanto o alcalde como os organizadores volveron incidir en cómo o dominó vai ligado dun xeito importante á historia de Ares, primeiro como actividade practicada nos bares polos mariñeiros cando regresaban a terra e despois extendéndose ao resto da poboación, O alcalde, pola súa parte, asegurou que o Concello de Ares colaborará, como o está a facer ata o momento, con todas aquelas iniciativas que reporten un beneficio para o municipio, como é o caso deste campionato.

Os responsables de Xabre, aproveitaron a ocasión para facer un chamamento aos numerosos afeccionados que existen nesta zona e, en xeral, en Galicia, para que se inscriban no campionato, lembrando que o prazo de inscrición péchase 15 minutos antes da hora de comezo do torneo e que para inscribirse ou obter máis información poden contactar a través dos teléfonos 617 22 48 20 (Manuel Seoane) ou 650 86 35 35 (Luis Cendán).

Pódeche interesar