A Concellaría de Urbanismo vén de informar do inicio dos traballos de pavimentación no tramo entre a saída da urbanización de Marina do Pombal, aproximadamente, ata o cruce en dirección Rodelas e Solaina.
A intervención actuará sobre un pavimentado que presenta un tratamento do triple rego en mal estado, acometendo a súa reposición e mellorando así a comunicación interna entre os núcleos poboacionais da área. Segundo a información aportada pola Concellaría de Urbanismo, conta cun prazo aproximado de execución dun mes dende o seu comezo.
As obras, cun investimento de 48.212,53 euros asumidos entre a liña de axuda proporcionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e o Concello de Ares, conectarán co aglomerado realizado en lexislaturas anteriores en todo o núcleo rural máis próximo, englobándose dentro da planificación centrada no reequilibrio territorial.