O próximo venres, 4 de marzo ás 19.00 horas, a artista coruñesa Malala Ricoy (Patty Diphusa) reflexionará con moita comicidade sobre a maneira na que se constrúen as nosas relacións íntimas.
O monólogo que chega a Ares é parte das actividades do Día da Muller, dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña, e está destinado ó público adulto.
O monólogo teatralizado de Patty Diphusa, alias empregado pola artista Malala Ricoy, “Sexo seguro, Seguro? Seguro!” desembarcará na Alianza Aresana este venres, 4 de marzo, arredor das 19.00 horas, coma parte do conxunto de actividades que se están a producir na localidade por mor da celebración do Día da Muller.
O evento, inscrito na Rede Cultural da Deputación e organizado pola Concellaría de Cultura, é en realidade un espectáculo que vai máis aló da mesma conceptualización de monólogo, ao presentar partes interactivas co público, trucos con globos e outras disciplinas para facer rir e pensar. O show céntrase en temas vencellados á educación emocional e sexual, cunha considerable carga didáctica sobre as nosas relacións íntimas e humanas, e sempre dende o humor.
De feito, risa convértese nunha ferramenta da propio actuación para indagar nas partes máis invisibilizadas do sexo, como son as dúbidas ou a importancia da calidade emocional por enriba da cantidade. A linguaxe xestual e a disciplina clown serven coma eixos desta divulgación empática, aberta á defensa do amor. A entrada ao espectáculo será libre ata completar o aforo e estará destinado ao público adulto.