O Concello arranca coa terceira ruta da programación do SendAres

Comparte esta nota de prensa

Esta noite do xoves, 3 de marzo, ás 23.59 horas abrirá o período de inscrición para as persoas interesadas en acudir á circular Soaserra (Cabanas) – Caaveiro.

A actividade organizarase o 19 de marzo, incluíndo nos 10 euros de prezo o desprazamento, e contará cunha ampliación do número de prazas, pasando de 20 a 40.

A Concellaría de Deportes vén de anunciar que hoxe mesmo, mércores, 3 de marzo, habilitarase o formulario de inscrición da terceira actividade do SendAres, a programación municipal que hibrida a práctica do sendeirismo coa exploración de espazos naturais de interese patrimonial. A reserva de prazas poderá efectuarse a partir das 23.59 horas desta noite dentro do apartado correspondente da páxina web do municipio (http://www.concellodeares.com).

Nesta ocasión, a área de Deportes incorpora novidades derivadas da alta demanda que tiveron tanto a primeira como a segunda rutas. O número de prazas vén de duplicarse de 20 a 40, co obxectivo de achegar o SendAres ao máximo de persoas posible tendo en conta os condicionantes sanitarios e a loxística de transporte e desenvolvemento da actividade.

O 19 de marzo será a xornada elixida para levar a cabo a circular Soaserra-Caaveiro-Soaserra, entre Cabanas e A Capela. Trátase dun itinerario que parte da Igrexa de Santa Olaia de Soaserra, de estilo barroco rexional do século XIX, para atopar despois o camiño dos encomendeiros e dirixirse ao río Sesín. Dende aí, xa se subirá ao mosteiro de Caaveiro para logo voltar ao inicio.

Dende a Concellaría de Deportes salientan que esta ruta é máis esixente que as anteriores, cun percorrido de 14,5 quilómetros e unha dificultade alta, segundo a información técnica dispoñible. Terá un custe de 10 euros, co desprazamento, o servizo de guía e o seguro incluídos, e será preciso levar xantar. O autobús sairá da Praza da Igrexa de Ares ás 08.00 horas e regresará ó municipio ás 17.00 aproximadamente.

Consulta toda a información na seguinte ligazón:

http://www.concellodeares.com/ampliaconvocatoria.php?cod=1105

FORMULARIO DE INSCRICIÓN: RUTA 3: Circular Soaserra-Caaveiro-Soaserra

https://forms.gle/5RzCKxmmpaXRSmUMA

Pódeche interesar