A intervención traducirase nun investimento de aproximadamente 170.000 euros, asumidos entre o Concello e o POS+2022 da Deputación da Coruña
.A Concellaría de Urbanismo vén de informar da licitación das obras na rúa San Xosé, unha actuación que mellorará os servizos e os pavimentos e que se configura, ademais, como a principal intervención urbanística que se realizará en Ares dentro do Plan Único da Deputación da Coruña, empregando 156.285 euros do ente provincial e 14.513 euros das arcas municipais.
Sobre os fondos que se executan a través do POS da Deputación, Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, contextualizou a planificación municipal: “Todas as actuacións que incluímos no Plan Único enfócanse principalmente á mellora e renovación da infraestrutura de abastecemento e saneamento e, tamén, á execución de novas pavimentacións. Acontece así na rúa San Xosé, na rúa Fomento e incluso na rúa dos Anxos, todas no POS 2022 e POS adicional deste ano”. Entre as tres actuacións, de feito, supéranse os 425.000 euros de investimento total sumando fondos provinciais e municipais.
Segundo o proxecto técnico dos traballos de mellora que se veñen a licitar, as obras renovarán precisamente o nomeado por Olimpia Marcos: a rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, mais tamén se levarán a cabo obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.
Ademais, cubrirase a rúa cunha capa de rodadura con algomerado, eliminando así as irregularidades do firme existente e poñendo fin ao seu estado de deterioro, instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.
No tocante á formulación de ofertas, a licitación xa se atopa dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público coa posibilidade de presentalas ata o 6 de outubro.