Con algo máis de medio centenar de participantes, o evento aglutinou esta mesma mañá deporte e reivindicación a prol da participación activa da muller na sociedade
A marcha organizouse cun notable valor simbólico, ao exemplificar o longo camiño percorrido e o aínda pendente por recorrer en materia de adquisición dos dereitos das mulleres.
As condicións metereolóxicas deron tregua durante esta mesma mañá do sábado, 12 de marzo, aos corredores, corredoras e camiñantes que participaron en “Móvete pola Igualdade”, a marcha pedestre coorganizada entre as Concellarías de Deportes e Igualdade e Benestar de Ares. Ao longo dos seus 3,5 quilómetros, que rodearon o núcleo urbano da vila dende a Praza da Igrexa, os participantes sumáronse a través do deporte á conmemoración do Día Internacional da Muller o pasado 8 de marzo, completando así o conxunto de actividades promovidas polo Concello aresán.
Móvete pola Igualdade recuperouse este ano tras o seu parón por mor do impacto da pandemia de covid-19 cuns máis de 50 participantes. A marcha serviu, en palabras de Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade, para “reflexar metaforicamente o camiño que se tivo que recorrer para chegar xusto ata aquí, ata os dereitos adquiridos hoxe. Mais tamén serve para representar o que queda aínda por recorrer, o traballo pendente para acadar unha igualdade real e efectiva”.
Antes do inicio oficial da marcha, Montenegro aproveitou a ocasión para poñer o foco no contexto internacional: “dende aquí dicimos e gritamos un alto e profundo non á guerra”. Dende a área de Igualdade, salientan a necesidade de ter sempre en conta “a forza que consegue un movemento de mulleres en todo o mundo, capaz de traspasar fronteiras e calquera diferenza cultural, económica ou ideolóxica”.
Desta maneira, o Concello finaliza coa programación municipal directamente relacionada co 8M e que se foi organizando e despregando ao longo desta semana, dende o venres, 4, cun monólogo de educación afectiva e sexual, ata as últimas marchas educativas e reivindicativas, unha a través da mocidade da vila co alumnado do CPI As Mirandas á cabeza este xoves, 10 de marzo, e a de hoxe, coa veciñanza como principal foco de acción.