O Club de Montaña Ferrol organiza a “I Andaina Costa de Bezoucos”, un percorrido de 30 quilómetros pola costa dos municipios de Ares, Cabanas, Fene e Mugardos

Comparte esta nota de prensa

O evento deportivo, que se desenvolverá o próximo 22 de abril, foi presentado oficialmente onte na alcaldía do Concello de Ares, co Presidente do Club de Montaña Ferrol, Xan Ramírez, ao fronte, para dar a coñecer todos os detalles desta iniciativa que hibrida deporte e natureza ao longo de 30 quilómetros da península de Bezoucos, que conforma a parte sur da ría de Ferrol nos municipios de Ares, Cabanas, Fene e Mugardos.

Xan Ramírez estivo acompañado dos representantes dos concellos colaboradores, para presentar publicamente o evento e a posta en común dos diversos puntos que implica a súa posta en marcha. Así, en representación do Concello de Ares asistiu a concelleira de Deportes, Noelia Montero, a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, acompañadas do técnico deportivo, Javier Sánchez. Por parte do Concello de Fene acudiu a concelleira de Deportes, Cristina García, xunto coa edil de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira. O acto tamén contou coa presenza de Iago Varela, primeiro tenente alcalde do Concello de Cabanas e responsable de Turismo; e Manuel Polo, en calidade de técnico deportivo do Concello de Mugardos.

O propio Xan Ramírez foi o encargado de debullar o itinerario da xornada do día 22. A saída está prevista ás 9.00 horas dende O Seixo, lugar onde se congregarán os participantes para partir en autobús cara a Cabanas. Dende alí, iniciarase o percorrido ao longo da praia da Madalena, realizando un tramo que comprende varias paraxes de Fene para, tras isto, adentrarse na costa de Ares, dende Redes ata Chanteiro, e finalizar en Mugardos, antes de regresar ao punto de partida en O Seixo.

Ramírez explicou a dinámica da andaina, de xeito que cada participante contará cun mapa cos puntos marcados do itinerario, ademais dos postes e sinais que xa se atopan instalados ao longo de todo o tramo. A este respecto fíxose fincapé en que aínda que a actividade está calificada como de dificultade media e require un esforzo físico considerable, non hai límite de tempo para completar o percorrido, para facilitar que calquera persoa poida participar. Neste sentido, informouse que haberá varios puntos de avituallamento, dispostos tanto en Ares como en Chanteiro e Mugardos, con bebida e froitas, para facer unha parada e repoñer forzas.

Para participar é necesario ser maior de 18 anos (ou de 16 con autorización) e  inscribirse previamente. As inscricións estarán abertas ata o 19 de abril e débense realizar de forma presencial na sede do Club de Montaña Ferrol (rúa Coruña, 102, 1º dereita). A cuota de inscrición é de 20 euros para os non socios e 17 euros para os socios, con descontos para os federados en montaña (sexan socios ou non) de 2 euros. Para obter máis información pódese contactar telefonicamente no 981 355 869 ou tamén consultar a web: https://clubmontanaferrol.gal/20230328/primeira-edicion-andaina- costa-bezoucos-30-km/.

A previsión de participación por parte da organización está estimada nunhas 300 persoas. O evento contará coa colaboración das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos municipios implicados, para axudar ao correcto desenvolvemento da xornada, en termos de atender e facilitar os diversos aspectos que poidan presentarse no seu trancurso.

O responsable do Club de Montaña Ferrol salientou que se espera que esta iniciativa, que arranca de modo experimental o día 22, quede como un clásico no calendario das rutas de medio-longo percorrido de Galicia. Tamén os representantes municipais coincidiron no acto de onte nas altas expectativas de acollida e na intención de darlle a máxima continuidade, cun marcado fixo que permita a realización da ruta todo o ano, e a intención de poder elevar a proposta de colaboración á Mancomunidade, para darlle o maior pulo posible á iniciativa.

Todos os presentes enfatizaron a importancia da ruta, non só a nivel deportivo, senón tamén no eido paisaxístico, histórico e turístico; incidindo en que ao longo do camiño poderán facerse paradas para admirar lugares que contan cun enorme potencial con moliños, castros, pazos, baterías de costa, igrexas ou miradoiros espectaculares.

Pódeche interesar