O Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia poñerán fin aos problemas da auga en Ares

Comparte esta nota de prensa

O alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron onte na casa consistorial aresá o protocolo que articula o financiamento e a execución das obras para a renovación do sistema de abastecemento de auga no municipio.

Os traballos, que darán solución ás problemáticas no subministro da auga, sobre todo en época estival, contarán cun investimento de 4,28 millóns de euros repartidos entre as tres administracións implicadas; un 40 % será asumido pola Deputación, outro 40 % por Augas de Galicia (Xunta) e o 20 % restante procederá dos fondos do Concello de Ares.

Na sinatura do protocolo, o rexedor Julio Iglesias remarcou que “é o investimento máis importante dos últimos 16 anos que levamos gobernando e, polo tanto, unha moi boa nova para toda a veciñanza; poderemos resolver de xeito definitivo os problemas de abastecemento que levamos padecendo durante anos”.

González Formoso fixo fincapé en que o protocolo “supón un primeiro paso importante que permitirá garantir os traballos para que dentro de pouco tempo os cortes de auga no municipio non sexan máis cun mal recordo”.

Julio Iglesias Redondo explicou que o proxecto “contempla a execución de novos depósitos no alto de Simou, onde o Concello xa ten mercados os terreos”, uns depósitos que se cargarán de auga pola noite de cara a “ofrecer autonomía no subministro ao municipio”.

Toda a información en: https://www.dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=21787&utm_source=Enlace&utm_campaign=%C3%9Altimas+Novas&utm_medium=Web

Pódeche interesar