O Concello adxudica a reposición da cuberta do local de ensaio de Lubre

Comparte esta nota de prensa

Desinstalarase o actual tellado, nun avanzado estado de desgaste que inclúe signos de avellentamento, con fisuras e entradas de auga que provocan desconchóns e manchas, e colocarase unha nova cuberta con tellas de cerámica curvas sobre pranchas de fibrocemento.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, salientou “a importancia de sumar unha nova intervención ó edificio Gildo Illobre coma parte dun proceso de traballo executado polo goberno local ao longo destes últimos anos”.

Realizarase un investimento duns 21.500 euros, IVE incluído, asumidos entre os fondos municipais e a Consellería de Territorio e Vivenda.

A Concellaría de Urbanismo vén de informar da adxudicación dunha nova obra no municipio aresán: a que atinxe ó cambio de tellado do local de ensaio de Lubre Gildo Illobre, unha intervención destinada a adecuar o edificio coa contorna na que se inscribe, tendo á igrexa románica coma atractivo patrimonial e turístico de primeira orde.

Así, os traballos renovarán a cuberta e permitirán deixar atrás a actual estrutura resolta con pranchas de fibrocemento con amianto, nun avanzado estado de desgaste que inclúe signos de fisuras, avellentamento e entradas de auga, o que provoca desconchóns e manchas no interior do local. Esta situación de deterioro fai que a presenza do tellado destaque aínda máis dentro do espazo rural no que se atopa, desmellorando as vistas da mesma igrexa de Lubre.

As obras recentemente adxudicadas demolerán a cuberta actual para repoñela por outra nova baseada en tellas de cerámica curvas sobre pranchas de fibrocemento, que se retranqueará nos seus voos para non permanecer visible dende o exterior.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, enfatizou a “importancia de sumar unha nova intervención á rehabilitación integral deste edificio, un espazo esencial para Lubre no que traballamos de maneira sostida no tempo: renovamos o seu interior, colocamos o parque infantil e saudable nas inmediacións, melloramos as fachadas… e, agora, despois dese proceso, adecuaremos o seu tellado para dotalo da calidade que merece o lugar no que se atopa e a veciñanza que o emprega”.

O investimento total da reposición será de 21.417,98 euros, IVE incluído, asumido entre o Concello de Ares e a Consellería de Territorio e Vivenda. Dende o inicio dos traballos, establécese un prazo de execución aproximado de 1 mes.

Pódeche interesar