O Concello anuncia o XVI Concurso de Pintura Manuel Rebón

Comparte esta nota de prensa

Unha vez máis, a área de Cultura do municipio organiza este certame artístico, premiando con máis de 2.000 euros en total.

Do 4 ao 12 de setembro recibiranse obras de temática libre, creadas con óleo ou acrílico.

Durante o acto celebrado esta mañá no consistorio local, Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Paula Fojo, presidenta do CIRS Cervás, desvelaron os pormenores da nova edición do Concurso de Pintura “Manuel Rebón”.

Como é tradición, o concurso convida a artistas maiores de idade e residentes en España a presentar as súas obras, sen restricións temáticas e utilizando as técnicas de óleo ou acrílico. O tamaño máximo para as obras é de 110×110 centímetros, incluíndo o marco da composición. É necesario que os cadros estean enmarcados ou preparados para a súa exposición, é dicir, cos bordos finalizados. Con todo, non se aceptarán obras protexidas por cristal ou PVC.

Este ano, o Concello destinará un total de 2.250 euros en premios, que se distribuirán da seguinte maneira: 1.400 euros para o primeiro premio, 550 euros para o mellor pintor local (empadroado actualmente en Ares) e dous accésits de 150 euros cada un.

A entrega das obras realizarase do 4 ao 12 de setembro no edificio da Alianza Aresana, situado na rúa María, 11. Os artistas poderán entregar as súas obras en horario de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas. O xurado, composto por expertos vinculados ao ámbito cultural, anunciará os premios o 15 de setembro, e posteriormente abrirase unha exposición coas obras presentadas, que poderá ser visitada do 20 ao 30 de setembro.

Este certame, que se converteu nunha tradición, mantén o seu vínculo coa contorna de Cervás e rende homenaxe a Manuel Rebón, un destacado residente de Ares que foi clave no desenvolvemento do CIRS e que tamén cultivou a paixón pola pintura.

Pódeche interesar