O Concello celebra os 120 anos de historia da Alianza Aresana de Instrucción

Comparte esta nota de prensa

A vila aresá rende homenaxe a unha das agrupacións que exemplifican o seu pasado migratorio, fundada na Habana en 1904 cun obxectivo: procurar o progreso de Ares no eido social e educativo.

Música e narración oral o martes, 19 de marzo, a cargo de Amor Herrera e Cris de Caldas; teatro e a lectura da acta fundacional da sociedade, xunto coas bases da súa escola, o mércores, 20, son as propostas da área de Cultura local.

Ares volcarase na conmemoración dunha das agrupacións que mellor sintetizan o seu pasado migratorio, coa fonda pegada indiana existente no municipio: a Alianza Aresana de Instrucción, unha entidade fundada en La Habana en 1904 e que cumpre o próximo mércores, 20 de marzo, os seus 120 anos. O seu aniversario celebrarase no propio edificio das Alianzas, construído principalmente grazas ás achegas económicas dos emigrantes en Cuba para democratizar a educación ás clases populares e contribuír ao progreso da localidade.

O Concello programará actividades culturais en dúas xornadas centradas neste aniversario. Arrancará o día anterior á efeméride per se, o martes, 19 de marzo, ás 20:00 horas coa actuación de Amor Herrera e Cris de Caldas, “De ida e volta”, unha narración oral e música en vivo que fará unha viaxe polo espazo e tempo a través de historias de migracións. Porque é así, narrando o pasado, como se pode non só comprender o presente, senón tamén proxectarse no futuro. No seu espectáculo son claras: “hai historias e contos que teñen billetes de ida e de volta, como a vida mesma”.

Na xornada seguinte, a propia data do aniversario do 20 de marzo, a Concellaría de Cultura deseñou unha programación que aúna memoria e teatro. Primeiramente, realizarase a lectura da acta fundacional da Alianza Aresana de Instrucción a cargo de representantes das agrupacións musicais da vila, onde se detallará unha das intencións máis claras daquela sociedade de aresáns: construír un colexio de “instrucción elemental” para as crianzas do municipio, sobre todo aquelas provintes dunha clase pobre, menos acomodada, que non podían acceder á educación. Tamén se lerán as bases desta mesma escola.

E que esta dobre lectura sexa a cargo das agrupacións musicais do municipio non é algo menor, coma detalla Alma Barrón, concelleira de Cultura da localidade: “a música foi un dos elementos de cohesión da emigración galega. Alén do mar podíase escoitar a música de Galicia, as melodías dunha gaita ou pandeireta, e logo aquí tamén chegaban moitos ritmos latinoamericanos”. Por iso interveñen as entidades aresáns do eido musical, fortemente involucradas con celebracións coma o Ares Indiano.

Despois da lectura, a conmemoración pecharase coa interpretación do “Romance de Canelo”, indiano da vila, por parte do grupo de teatro local A Cova do Trasno.

Ademais, Barrón aproveitou a ocasión para salientar “a importancia de consolidar ano tras ano esta conmemoración do aniversario por parte do Concello, pois supón facer xustiza á labor que desempeñaron para o progreso da nosa localidade moitos aresáns emigrados. Coñecendo a nosa memoria poderemos trazar un camiño que seguir cara o futuro”.

UNHA ESCOLA ABERTA, UNHA ESCOLA PARA O FUTURO

A Alianza Aresana de Instrucción naceu en 1904 e dous anos despois conseguiron un dos seus principais obxectivos. As portas da escola sufragada na súa maioría polos integrantes da sociedade fundada en La Habana abríronse en 1906, liderando unha revolución da ensinanza galega do século XX grazas ós emigrantes; persoas que, ben dende América ou xa de volta, procuraban que a educación chegase ao maior número de estamentos posibles.

A creación de escolas indianas como a de Ares foron unha consecuencia directa do desexo de progreso da sociedade galega, unha transformación que se levou a cabo para dar oportunidades ao futuro, ás novas xeracións das clases populares. O centro de ensinanza aresán converteuse no primeiro exemplo deste proceso de democratización da educación en Galicia.

De feito, aínda perduran a día de hoxe os recordos dos nenos e nenas que pasaron pola escola, agora reconvertida en biblioteca municipal, pero mantendo sempre o seu claro vencello coa cultura e a alfabetización da localidade.

Pódeche interesar