- A primeira proxección estará protagonizada polo filme familiar “¿Quién es quién?” e celebrarase no patio das Escolas do Lago a partir das 22:30 horas.
- A programación, integrada no VeraneAres 2026, continuará o 23 de xullo con “Kung Fu Panda 4” e o 13 de agosto con “Rondallas”, contando coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
O Concello de Ares arrancará esta semana cunha das propostas culturais máis atractivas para o público familiar dentro da programación do VeraneAres 2026: o Ciclo de Cine de Verán ao aire libre, que principiará este 9 de xullo, coa proxección da película “¿Quién es quién?”.
A iniciativa, promovida pola Concellaría de Cultura totalmente de balde, desenvolverase no patio das Escolas do Lago, no núcleo urbano da vila, a partir das 22:30 horas, ofrecendo unha alternativa de lecer para gozar das noites estivais a través do cinema.
Nesta primeira sesión, o público poderá achegarse a unha comedia familiar dirixida por Martín Cuervo, na que os Fuentes, unha familia que verá a súa vida completamente alterada despois de que Valentina, a máis pequena da casa, pida un desexo polo seu noveno aniversario. Ao día seguinte, todos os membros da familia espertarán co corpo intercambiado, dando lugar a situacións disparatadas e cheas de humor.
A través desta premisa fantástica, “¿Quién es quién?” propón unha historia divertida arredor da empatía, a convivencia e a importancia de aprender a poñerse na pel das demais persoas.
PRÓXIMAS DATAS DO CICLO DE CINE DE VERÁN
O Ciclo de Cine de Verán ao aire libre completarase con dúas novas proxeccións durante os meses de xullo e agosto, todas elas organizadas polo Concello de Ares coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A segunda sesión chegará o 23 de xullo, tamén ás 22:30 horas nas Escolas do Lago, coa película “Kung Fu Panda 4”, unha nova entrega da coñecida saga de animación protagonizada por Po.
Xa no mes de agosto, o ciclo continuará o 13 de agosto coa proxección de “Rondallas”, prevista ás 22:00 horas no mesmo emprazamento, poñendo o peche a esta programación cinematográfica estival.

