O Concello de Ares leva remitidas 23 queixas por escrito neste 2022 a UTE Hércules Norte e Xunta de Galicia manifestando as deficiencias no transporte público metropolitano

Comparte esta nota de prensa

Ademais, a institución local vén de informar dun novo incumprimento no servizo de autobuses que conecta Ares co IES de Mugardos na tarde de onte, deixando a preto de 25 usuarios, entre eles moitos estudantes, sen medios para acudir ó seu centro de estudo.

Esta mañá, o Concello aresán remitiu unha nova queixa ás entidades responsables das prestacións do servizo de transporte público metropolitano na comarca; UTE Hércules Norte e Consellería de Mobilidade da Xunta de Galicia recibirán a que será a vixésimoterceira queixa da institución local no 2022, todas elas trasladando os incumprimentos constantes nos horarios e liñas asignados pola propia empresa adxudicataria que os cubre.

Nesta última comunicación por escrito exponse, de novo, claras deficiencias no autobús que leva ao alumnado do IES de Mugardos residente en Ares ata o seu centro de ensino público.

Así, durante a tarde de onte o vehículo que executaba a liña das 16:15 horas ó seu paso por Ares, cubrindo a necesidade de transporte do estudantado nun día lectivo, “nin sequera pasou, deixando a 25 persoas en terra e obrigando a algúns pais -os que puideran- a empregar os seus coches particulares para que os seus fillos acudiran ó instituto”, en palabras do alcalde da localidade, Julio Iglesias Redondo.

Para o Concello, as deficiencias continúan a producirse malia a constante actividade de comunicacións por escrito da institución local, por unha banda, e da veciñanza, pola outra; comunicacións que se envían non só a UTE Hércules Norte, senón tamén á Xunta de Galicia, poñéndoa sempre en coñecemento do que estaba e está a acontecer a nivel comarcal.

De feito, ás 23 queixas oficiais é necesario sumar as 1042 sinaturas recollidas entre a veciñanza polo Concello e que materializan o descontento xeral da cidadanía ante a situación actual, afectando directamente ó seu acceso a servizos básicos, espazos de estudo e tamén centros de traballo.

Pódeche interesar