O Concello oferta un curso gratuíto para coñecer as nocións básicas dun teléfono móbil

Comparte esta nota de prensa

O prazo de inscrición abrirá mañá, 13 de decembro, ata o 5 de xaneiro de 2023, ou ata esgotar as 20 prazas dispoñibles.

Destínase ás persoas maiores de 55 anos que desexen aprender a realizar xestións da vida cotián no teléfono: escaneo de documentación, emprego da aplicación do SERGAS, axustes básicos no WhatsApp…

Dende xaneiro de 2023 e ata maio, Ares volverá a contar cunha formación orientada a achegar coñecemento en habilidades dixitais ás persoas maiores. Así o confirmou a Concellaría de Benestar tras desvelar que mañá, martes 13 de decembro, será o primeiro día para inscribirse no novo Curso de Iniciación ao Smartphone (teléfono móbil intelixente), estendendo a posibilidade de reservar praza ata o 5 de xaneiro.

O curso contará con 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, e producirase todos os mércores de 10:15 a 11:45 e de 12:00 a 13:30 horas, dividindo ao alumnado en dous grupos para garantir un mellor seguimento do seu progreso na aula. Os destinatarios da formación serán persoas maiores de 55 anos que desexen mellorar o seu manexo do teléfono aprendendo a utilizar aplicacións de comunicación, xestionar fotografías e vídeos, empregar o correo e o calendario, a conexión Bluetooth… e outras accións enfocadas á vida diaria.

Este curso de iniciación ao smartphone non ten custe algún para a veciñanza e realizará as súas sesións na Aula Cemit da Casa da Xuventude municipal. O obxectivo, coma na anterior edición, é axudar a loitar contra a fenda dixital promovendo que os maiores poidan aprender nun contexto amable, cunha metodoloxía personalizada e tendo en conta as súas necesidades e dúbidas.

Para ampliar información e resolver dúbidas, habilitouse o número de teléfono 981 448 354. Para a reserva de praza, será necesario achegarse presencialmente ata o Departamento de Servizos Sociais situado na Praza da Constitución de Ares.

Pódeche interesar