Trátase dun programa promovido polo Concello de Ares, en colaboración co Club Náutico Ría de Ares, dentro da campaña XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte
Esta mañá desenvolveuse unha nova actividade centrada nos nenos e nenas do municipio, nesta ocasión ligada ao mar e aos deportes náuticos, que gozan dunha gran pegada na nosa contorna. Trátase da actividade “Imos ao mar, imos xogar”, organizada polo Concello de Ares en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e o Club Náutico Ría de Ares .
Así, na xornada de hoxe, no peirao deportivo de Ares e nas propias instalacións do Club Náutico, os escolares de 6º de Primaria do CPI As Mirandas participaron neste programa, que ten como obxectivo o achegamento aos deportes náuticos con propostas tan interesantes como padelsurf, vela lixeira ou kaiak.
A metodoloxía establecida desde a coordinación técnica deportiva municipal consistiu na realización de tres horas de actividade para cada grupo, a repartir entre as 10 e as 14 horas, establecéndose distintos grupos de xeito que no auga se atopasen sempre un ratio de cinco a seis alumnos por monitor, cun máximo de 20 persoas no auga á vez. Unha vez recibidas as instrucións teóricas necesarias, os rapaces e rapazas poideron gozar no mar con dúas embarcacións de vela lixeira Omega, un tablón maxi de padelsurf, dous tablóns de padelsurf individuais e dous kaiaks.
“Imos ao mar, imos xogar” é parte da campaña XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración cos concellos, co obxectivo de fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás, organizando actividades físico-deportivas baseadas na promoción da saúde, o benestar e o acceso sen ningún tipo de discriminacións dos escolares a elas.