Servizos Sociais pon en marcha as axudas económicas para os agasallos de Nadal 2022

Comparte esta nota de prensa

Poderán concorrer a esta liña de apoio todas aquelas familias que estean empadroadas e residan en Ares cunha antigüidade de 6 meses e que conten cun menor beneficiario que non tivera cumpridos os 17 anos na festividade de Reis.

Estableceranse uns baremos onde se terán en conta os ingresos das unidades familiares, co foco en primar a aquelas que presenten unha situación de vulnerabilidade  económica.

Os solicitantes poderán presentar a documentación para a axuda dende hoxe, 30 de novembro, ata o 20 de decembro, ambos inclusive.

A Concellaría de Igualdade e Benestar vén de anunciar o inicio da campaña de axudas económicas polo Nadal, unha iniciativa integramente municipal que ten coma obxectivo apoiar ás familias con menores ao seu cargo que precisen axuda para costear economicamente a compra de agasallos.

Esta liña de apoio destínase ás unidades familiares que residan e estean empadroadas en Ares cunha antigüidade mínima de seis meses, amais de ter ao seu cargo a algún menor que aínda non cumprise os 17 anos na festividade de Reis. Para a concesión das axudas, tamén se terán en conta os ingresos económicos, que non poderán superar os baremos establecidos nas bases reguladoras da campaña.

A través de transferencia bancaria, ingresaranse 50 euros por cada menor beneficiario da familia que deberán destinarse á compra de xoguetes, cds, libros, roupa deportiva, artigos de deporte ou calqueira material ou instrumento relacionado coas novas tecnoloxías. Tras a campaña de Nadal, as familias deberán entregar os tickets de compra correspondentes ao Departamento de Servizos Sociais do Concello nun novo prazo: dende o 8 de xaneiro de 2023 ao 31 dese mesmo mes. A non presentación desta documentación é motivo de exclusión na seguinte convocatoria e repercutirá, asímesmo, na concesión doutras axudas municipais dentro de Servizos Sociais de Ares.

O prazo de solicitude estará aberto dende hoxe, 30 de novembro, ata o 20 de decembro, ambos inclusive. As persoas interesadas poden achegarse ata o Departamento de Servizos Sociais na Praza da Constitución ou contactar telefonicamente co 689 24 25 96 para informarse sobre a documentación e os procedementos administrativos que require a axuda.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,