Unha delegación de Ares trasladouse a fin de semana a Bueu para compartir a nosa historia e o interese por recuperar o “millo corvo”.

Comparte esta nota de prensa

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e outros membros da corporación municipal, recibiron ao alcalde de Ares, Julio Iglesias, e aos representantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, Celsa Formoso e Rogelio Pérez, sumándose ao momento de fraternidade que tivo lugar no marco do XXIII Encontro-Degustación do Millo Corvo.

A comitiva de Ares acudiu ao evento grazas ao nexo de unión entre o noso municipio e Bueu a través do cultivo do millo corvo. Todo empezou por mor dun manuscrito titulado “En la falda de la Bailadora”, escrito por Carlos Rodríguez Cartelle. Esta historia, ambientada a principios do século XIX, serve para recuperar as tradicións e costumes de Ares nesa época. Segundo conta a historia, chegou ata Ares un mariño de Bueu que tivo que ser atendido no Mosteiro de Santa Catalina. Como mostra de agradecemento, este home regalou aos frades franciscanos unhas espigas de millo corvo.

Agora, dous séculos despois, Ares quere recuperar esta variedade de millo e convertela nun símbolo do seu patrimonio agrícola, gastronómico e cultural. O ano pasado, Julio Iglesias, acudiu ao Encontro de Meiro coa intención de falar coa organización e expoñer o seu desexo de recuperar este cultivo en Ares. Trouxo varias espigas e plantáronse nunha leira, pero a primeira experiencia non foi frutífera debido á seca e á contaminación cruzada con outras variedades de millo. Con todo, isto non desanimou ao Concello de Ares nin á Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, que este ano abonaron unha leira próxima ao mosteiro e deixárona lista para ser plantada. Ademais, varios veciños tamén están decididos a plantar a variedade do millo corvo nas súas leiras.

Durante a súa visita a Bueu, a delegación de Ares recibiu varias espigas de millo corvo por parte da presidenta da Asociación Cultural Meiro, Vitoria Martínez, coa esperanza de que esta vez xermine e poida converterse nun lazo de unión e irmandade entre os dous municipios.

No manuscrito “En la falda de la Bailadora” fálase da receita coa que os monxes elaboraban un doce coñecido como “Rodas de Santa Catalina”. Na actualidade, a idea do Concello e a Asociación de Amigos do Mosteiro é recuperar a receita, coa colaboración dos panadeiros e reposteiros locais, e converter esta especie de bolo de vento esmagado con forma irregular no postre típico do municipio. A receita inclúe unha mestura de ingredientes sinxelos como fariña de trigo e de millo corvo, cabaza, ovos, iogur, azucre, leite, ralladura de limón… Bátese todo xunto, enfórnase e déixase arrefriar antes de servir.

Unha combinación de ingredientes que promete facernos gozar dunha sobremesa irresistible!

Fotografía: Faro de Vigo

Pódeche interesar