O Concello de Ares renova a súa páxina web institucional

Comparte esta nota de prensa

O novo sitio, baixo o dominio www.concellodeares.gal, responde ás necesidades dunha cidadanía dixitalizada e ós novos sistemas de navegación, adaptándose mellor aos teléfonos móbiles intelixentes e achegando contidos marcados pola accesibilidade.

Esta mesma mañá, a concelleira de TICs, Noelia Montero, o técnico informático municipal, Rubén Ozores, e o responsable de Comunicación, Pablo Rañales, implicados no proceso de cambio, presentaron o novo sitio web da institución, un espazo que desexa modernizar a identidade dixital do Concello migrando a súa actividade a www.concellodeares.gal.

Baixo este novo sitio web, o Concello garante un funcionamento máis accesible e en consonancia co proceso de dixitalización vivido nos últimos tempos, coa interrupción dos teléfonos móbiles coma principais mecanismos de acceso á información local e, ademais, empregando un dominio (.gal) que apoia o posicionamento virtual de Galicia e a súa cultura.

Durante a presentación, Noelia Montero salientou “a necesidade desta renovación para garantir, principalmente, un contacto de calidade entre a veciñanza e o propio Concello. A nova páxina permite navegar de maneira máis intuitiva e atopar os recursos administrativos, informativos ou de servicios con máis facilidade que antes”.

Coa migración, deixarase atrás unha estrutura-web que respondía a uns patróns previos á eclosión das redes sociais e os smartphones e, polo tanto, a un ecosistema dixital superado durante os últimos anos. A organización dos contidos e as posibilidades que ofrece o novo espazo institucional adecúanse ás características de consumo virtual actuais.

SERVIZOS E INFORMACIÓN TURÍSTICA MÁIS ACCESIBLES

Entre as principais novidades da nova páxina, máis aló da propia navegación e deseño estético, está a visibilización de certos contidos como os servizos municipais existentes, agora espallados por áreas temáticas, ou os selos de información turística dispoñibles actualmente.

De feito, o apartado “Descobre Ares” anticipa as liñas de traballo activas en materia de planificación e dinamización do turismo en Ares. A través das marcas “Ares Verde” ou “Ares Azul”, visitantes e veciñanza poden explorar os atractivos do municipio, fortemente vencellados ó eido natural e mesmo á posta en marcha de percorridos sendeiristas, fundamentais para a conexión directa do deporte e da práctica turística.

Tamén hai oco para a xa consolidada divulgación do pasado indiano e mariñeiro, con contidos divulgativos baixo o marco de “Ares Indiano” e “Ares Ultramarino”, e para a recompilación da mitoloxía local relacionada coa Illa das Mirandas ou a Cova dos Mouros dentro de “Ares mitolóxico”.

Segundo o servizo técnico informático, o antigo sitio web (www.concellodeares.com), estará operativo dúas semanas máis dende o anuncio da migración e transformación dixital (ata o xoves, 20 de outubro de 2022), de cara a garantir a difusión do cambio á veciñanza sen perturbar o funcionamento administrativo do Concello.

 

Pódeche interesar