O Campus Chiquibásquet de Ares celebrará a súa XVIII edición este verán

Comparte esta nota de prensa

  • O pavillón polideportivo municipal acollerá esta proposta deportiva do 3 ao 7 de agosto, en horario de 17:00 a 20:00 horas, destinada a participantes de entre 5 e 22 anos.
  • As inscricións permanecen abertas ata completar as 40 prazas dispoñibles, cun prezo de 65 euros para o público xeral e de 55 euros para persoas empadroadas en Ares.

 

 O Campus Chiquibásquet volverá converter Ares nun punto de encontro para os afeccionados ao baloncesto coa celebración da súa décimo oitava edición, unha proposta xa consolidada dentro da programación deportiva estival do Concello. A concelleira de Deportes, Alma Barrón, e o técnico municipal da área, Javier Sánchez, presentaron esta mañá unha nova edición desta iniciativa coordinada entre administración local e Chiqui Barros, o director do campus.

Do 3 ao 7 de agosto, o pavillón polideportivo municipal acollerá, en horario de 17:00 a 20:00 horas, as sesións de adestramento previstas para rapaces e rapazas de entre 5 e 22 anos, organizados en diferentes grupos de traballo adaptados á idade e ao nivel de cada participante.

O campus manterá a metodoloxía que o converteu nun referente comarcal para o baloncesto de formación, combinando exercicios técnicos, actividades lúdicas e a presenza de convidados vinculados ao deporte, que compartirán a súa experiencia cos asistentes ao longo da semana.

Nesta XVIII edición habilitaranse 40 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O prezo da matrícula será de 65 euros, cun desconto para as persoas empadroadas en Ares, que abonarán 55 euros.

As inscricións xa están abertas e permanecerán dispoñibles ata completar o número máximo de participantes. As persoas interesadas poden descargar a folla de inscrición e consultar toda a información relativa ao campus na páxina web, https://chiquibasquet.wordpress.com.

E así, o Campus Chiquibásquet reafirmará de novo a súa vocación de achegar o baloncesto á mocidade, ao construír un espazo cercano onde iniciarse neste deporte, mellorar a técnica e, sobre todo, desfrutar do verán dende a actividade física.

Pódeche interesar