Ao longo do pasado mes de xuño, o salón de actos da Alianza Aresana acollía a presentación dunha iniciativa que desexa achegar a práctica do remo e facilitar o acceso aos beneficios do deporte ás mulleres afectadas polo cancro de mama. Materializábanse así “As Sereas das Mirandas”, un equipo pioneiro a nivel galego co foco posto na rehabilitación e na mellora física e mental das súas futuras integrantes.
Tras a presentación oficial ó tecido civil, este martes, 2 de agosto, ás 10:00 horas e no mesmo salón de actos da Alianza Aresana, o Concello e o Club de Remo de Ares convocan unha reunión para informar sobre os trámites, o calendario de actividade, os monitores que coordinarán o equipo e todo aspecto relacionado, por unha banda, coa metodoloxía de traballo e, pola outra, cos pasos administrativos que deberán realizar as persoas interesadas.
O acto será aberto a toda a veciñanza que desexe saber máis sobre a posta en marcha do proxecto en próximas datas, tanto en termos de inscrición coma de actividade.