Ares recupera a homenaxe musical a Gildo Illobre

Comparte esta nota de prensa

O evento organizarase o 30 de xullo por quinta vez para encher o Parque Rosalía de música e lembrar ao director e acordeonista aresán.

A Coral Estelas do Mar, a Rondalla Mugardesa e os Trovadores de Ares participan na volta da iniciativa e evidencian a fonda pegada musical de Gildo.

A localidade aresán rendirá de novo homenaxe á figura de Gildo Illobre o sábado, 30 de xullo (18:30 horas) despois de varios anos, pandemia mediante, sen poder levalo a cabo. Así o confirmaron os asistentes ó acto de presentación que se realizou esta mañá na casa consistorial e que serviu para contextualizar o regreso deste evento musical que alcanzará a súa quinta edición, co foco sempre posto en honrar a memoria dun home fundamental na vida musical local.

No acto desta mañá estiveron presentes Julio Iglesias, alcalde de Ares; Alma Barrón, concelleira de Cultura; Concha Saavedra, viúva do homenaxeado e madriña de honra no evento; Ángel Barreiro, representante dos Trovadores de Ares, e Alejandro Pérez, xerente da empresa colaboradora Bodegas&Vinos Ares para oficializar a posta en marcha da homenaxe.

A involucración das agrupacións Coral do Mar, a Rondalla Mugardesa e os Trovadores de Ares reafirma a importancia de Gildo Illobre na contorna de Ferrolterra e tamén a súa constante actividade dentro do eido musical, sempre vinculándose ben coma integrante a orquestas e grupos, ben coma director de coros parroquiais, entre outras moitas accións.

Será o Parque Rosalía o espazo escollido para promover este evento que é, tamén, un recoñecemento público ao legado de Gildo Illobre no municipio e a idea de que a súa presenza, malia o seu finamento no 2015, continúa no tecido social de Ares.

Coma peche, Concha Saavedra doará ao Concello un conxunto de documentos oficiais e partituras de Gildo Illobre que supoñen un percorrido pola súa labor dentro do sector.

Pódeche interesar