O Concello comeza coas obras para facer realidade os Camiños Escolares Seguros

Comparte esta nota de prensa

Nestes últimos días veñen de iniciarse os traballos no treito que conecta o paseo marítimo coa rúa Real. Unha vez finalice, xa de cara ao verán, acometerase a senda restante que conecta esta mesma vía co CPI As Mirandas.

Esta proposta de mobilidade aportará maior seguridade para veciñanza e crianzas no seu acceso ao colexio e ao pavillón polideportivo municipal, primando ao peón e a bicicleta sobre os vehículos privados.

A Concellaría de Urbanismo vén de informar hoxe do arranque das obras relacionadas cos Camiños Escolares Seguros, unha proposta dividida en dous proxectos en función dos tramos sobre os que se intervendrá. Recentemente iniciouse a intervención no primeiro treito, o que abarca dende a rúa Solín, á altura da Avenida Saavedra Meneses (paseo marítimo) ata a rúa Real, vinculando dúas das arterias con maior capacidade de renovación urbana en Ares. Unha vez rematado este, xa se acometerá o segundo proxecto, é dicir, o tramo que une a rúa Real co CPI As Mirandas.

Estas intervencións parten dunha mesma máxima: a de recuperar espazo público adicado á mobilidade a pé ou en bicicleta por enriba do vehículo privado favorecendo, ademais, a construción dun lugar seguro onde interactuar, encontrarse e acceder a edificios de interese para a comunidade aresá.

Entre as principais transformacións a través destas obras, atópase a instalación dunha plataforma única que elimina as diferenzas entre calzadas e aceiras, igualando as cotas; os peóns gañarán en seguridade e en mobilidade a partir deste novo itinerario peonal que creará un espazo totalmente accesible, libre de barreiras, onde o viandante transite sen problemas.

De relevancia é o emprego dunha gama cromática propia para esta plataforma única: tonos terrizos que se diferencian do resto da pavimentación pública coma parte da “linguaxe urbanística” do Concello. De feito, emprégase sempre esa mesma cor para diferenciar visualmente os espazos onde o camiñante ten prioridade, unificando as rúas do municipio baixo unha mesma comunicación arquitectónica.

A maiores da nomeada plataforma única, os proxectos incorporarán pintura ecolóxica cunhas cores que chamarán a atención dos condutores para reducir a siniestralidade, sendo outro dos trazos características das vías seguras e de predominancia do transeúnte. Incorporarase ata unha sinalización vertical que indiquen o itinerario cara o CPI As Mirandas, facendo que sexa seguro e atractivo ao mesmo tempo. As crianzas terán un lugar onde socializar e participar coma cidadáns de pleno dereito no espazo público.

Cada unha das actuacións que se proxectan, o tramo iniciado nestes últimos días e o que se acometerá xa no verán, contan cun investimento próximo aos 50.000 euros, impostos incluídos, asumidos entre os fondos municipais e a Red Española de Ciudades Saludables (RECS).

 

Pódeche interesar