O Concello presenta a oferta deportiva municipal para o verán

Comparte esta nota de prensa

A área de Deportes desprega unha ampla planificación que abrangue dende os máis pequenos, con xogos nas parroquias e un campamento urbán, á mocidade, incluíndo 11 programacións como manexo de drons, modelado 3D ou fútbol-burbulla.

O período de inscrición abrirá este luns, 13 de xuño, ata o martes, 21 (no caso de empadroad@s). Dende o 22 en adiante, poderán solicitar prazas o resto de persoas

O municipio costeiro de Ares comeza a quentar os motores para a chegada do verán, no que se prevé un regreso ás dinámicas previas á pandemia en termos de afluencia e actividades. Na mañá de hoxe, a Concellaría de Deportes anunciou os eixos do VeraneAres Deportivo 2022, o programa que se desenvolverá eminentemente ao longo de xullo e agosto en tres principais quincenas ou quendas: do 1 ao 15 de xullo (1ª quenda), do 18 ao 29 de xullo (2ª quenda) e do 1 ao 12 de agosto (3ª quenda).

Porén, a esta oferta deportiva haberá que engadir os restantes eventos específicos que recalarán no municipio e que se anunciarán ao longo dos vindeiros días: dende campus de fútbol e baloncesto á milla urbana ou travesía a nado.

Unha aposta pola conciliación familiar a través do deporte

Dúas das principais actividades deste VeraneAres Deportivo servirán coma unha ferramenta básica na conciliación laboral das familias. Por unha banda, o campamento deportivo urbán, que se centrará na formación lúdi

co-deportiva, achegará aos estudantes de primaria (de 6 a 12 anos) todo un programa de aprendizaxe de valores -en horario de mañás precisamente para axudar ás unidades familiares- centrado na convivencia, a solidaridade, o respecto e o coñecemento da contorna, pois parte das actividades serán en parques, xardíns e praias do casco urbano de Ares.

Pola outra banda, os xogos nas parroquias seguirán a dinamizar os núcleos sociais de Cervás, Redes e Chanteiro, tamén aliviando a pais, nais, avós e outros membros das familias na súa cotiandade. Os xogos nas parroquias, tendo en conta o aumento de habitantes neses espazos, promoverá a convivencia entre iguais a través do lúdico e do deportivo.

11 principais actividades para as rapazas e rapaces

Baixo o nome de “Xuventude Verán Activo”, a Concellaría de Deportes propón aos maiores de 12 anos diferentes actividades máis complexas e específicas, que inclúen dende o contacto coas novas tecnoloxías ao movemento e o eido náutico.

Ares terá, por exemplo, grupos de modelado 3D e manexo de drons; paddlesurf, kaiak e voleipraia; deportes de raqueta como padel ou tenis de mesa, baseadas na confrontación, e ata a práctica de fútbol-burbulla. Todas elas contarán con 12 prazas por quincena en cada grupo.

A inscrición para este conxunto de actividades arrancará o luns, 13 de xuño, ata o 21 no caso de empadroad@s e, dende o 22 en adiante, para non-empadroad@s, con variedade de prezos en función do que se elixa. A reserva de prazas será telemática no apartado de VeraneAres Deportivo 2022, dentro da páxina web municipal (www.concellodeares.com).

Dúas actividades deportivas ao aire libre e totalmente de balde

Paralelamente a este proceso de reserva, o municipio contará con sesións de balde de ZumbAres e bailes latinos, sobre todo tras o bo feedback recibido no período estival pasado. Son actividades que hibridan a música, o deporte, a diversión e o ocio ao aire libre.

Durante todo xullo e a primeira quincena de agosto, a Praza da Constitución de Ares encherase de coreografías e deporte de 20:30 a 21:30 horas, dando marxe ata para desfrutar dos areais da vila. Os martes desenvolveranse as sesións de baile latino, namentres que todos os xoves haberá clases de zumba.

As inscricións neste caso teñen un proceso distinto ás anteriores: serán reservas por xornada ata as 11:00 horas do día anterior á actividade, ben no 981 448 057, ben inscribíndose en persoa na Alianza Aresana.

 

 

Pódeche interesar