Os escolares de Ares gozan dunha versión lúdica e didáctica do deporte cunhas xornadas centradas na orientación e na práctica de actividades náuticas

Comparte esta nota de prensa

Esta semana arrancou no CPI As Mirandas unhas das actividades con máis éxito co foco posto nos nenos e nenas do municipio. Trátase de “Actividade deportiva escolar” e “Xogando co auga e co vento”, unhas iniciativas organizadas polo Concello de Ares en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, co obxectivo de  promocionar a saúde, a condición física e o benestar, buscando que todos os escolares teñan acceso á  práctica de actividades lúdicas e deportivas.

Así, na xornada do martes 23 de maio, os escolares de 5º de Primaria do CPI As Mirandas participaron nunha actividade de orientación no paseo marítimo, contra reloxo, na que tiveron que pasar por unha serie de puntos chamados controis, sinalados con exactitude nos seus mapas, e situados no terreo mediante unha baliza. Os participantes poideron completar o percorrido máis ou menos rapidamente dependendo da súa habilidade para interpretar o mapa (xunto co apoio do compás) e o seu nivel de condición física. Ademais desta actividade os escolares realizaron outra actividade complementaria, que se desenvolveu na praia, coñecida como “ponte tibetana”, na que traballaron e se divertiron con distintos xogos de equilibrios.

Tras isto,  na  xornada de hoxe, xoves 25 de maio, tocoulle o turno ao alumnado de 6º de Primaria,   participando nunhas xornadas centradas na práctica de múltiples deportes náuticos,  que contan cunha notable pegada na nosa contorna municipal. Nesta ocasión as actividades realizáronse nas instalacións náutico deportivas do porto aresán, da man do Club Náutico Ría de Ares, onde os escolares poideron ter contacto e probar diferentes modilidades náuticas, como son a vela e o paddle surf.

“Actividade deportiva escolar” e “Xogando co auga e co vento” son parte da campaña XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración co Concello de Ares,  co obxectivo de fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás, organizando actividades físico-deportivas baseadas na promoción da saúde, o benestar e o acceso sen ningún tipo de discriminacións dos escolares a elas.

Pódeche interesar